As preguntas sobre o TDAH respóndense en Cambados

CAMBADOS> O Trastorno de Déficit de Atención é unha problemática tan frecuente como descoñecida. Para despexar as dúbidas que existen ao seu redor, a Asociación TDAH Salnés celebrará este venres unha xornada informativa sobre este trastorno. A cita será en Exposalnés a partires das 8 da tarde, e conta coa colaboración do concello de Cambados.

A Asociación TDAH Salnés traballa arreo para despexar as dúbidas e sombras que rodean este trastorno. Para responder ás cuestións que normalmente se producen sobre o Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade, a entidade celebra este venres 13 de abril unha xornada informativa.

A cita será en Exposalnés a partires das 8 da tarde. A organización conta coa colaboración do concello de Cambados, que ve de xeito positivo as iniciativas que se tomen para evitar os prexuízos contras os nenos e os adultos que padecen este trastorno.

A charla é de carácter gratuíto, e está dirixido a todo tipo de públicos. Enmárcase nas actividades que se organizan dende a Asociación TDAH Salnés para fomentar o coñecemento deste trastorno, como complemento das iniciativas de apoio diario ás familias.

A asociación tamén prepara outra cita para este mes de abril. A Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro xoves 26 as Terceiras Xornadas de Acoso Escolar, organizadas coa colaboración das Universidades de Santiago e A Coruña.