RIBADUMIA> A alcaldesa en funcións Lidia Álvarez solicitou ó departamento de Atención Primaria do Sergas que normalice a situación pediátrica …
… do municipio e reforce os días de consulta do médico substituto, xa que a solución que se está a dar é ‘insuficiente’ para atender a toda a poboación infantil de Ribadumia neste momento.
Segundo explica, a Consellería de Sanidade enviou un pediatra substituto ó Centro Médico de Ribadumia ante a baixa do facultativo titular, pero o pediatra consulta unha hora os martes e outra os xoves. Para o Concello este é un tempo moi limitado para atender tódalas citas infantís, producíndose listas de espera de varios días.
Ante esta situación, o goberno local decidiu solicitar ó Xerente de Atención Primaria de Pontevedra, Manuel Castro, que aumenten os días e as horas de atención pediátrica para evitar estes colapsos e que estas listas de espera vaian en aumento, sobre todo, coincidindo coa chegada da estación da gripe e dos aumentos dos casos de gripe A. Para Lidia Álvarez tampouco é unha solución posible que os nenos sexan atendidos por médicos de medicina xeral, pois estes teñen as mesmas dificultades e grandes saturacións nas súas consultas.
Esta non é a primeira vez que Ribadumia protesta polos problemas que xera a atención pediátrica. Co bipartito no goberno da Xunta, as queixas eran porque Sanidade non cubría as baixas do pediatra titular, polo que tiñan que desprazarse ó Hospital do Salnés. Agora, o problema é que o substituto, que se é especialista, só traballa dúas horas á semana.
Redacción Salnés