O temporal déixase oír con forza no Barbanza

    BARBANZA> A Dirección Xeral de Emerxencias activou o dispositivo de alerta laranxa en toda a comunidade ante os fortes ventos que se agardan, con rachas que poderían superar os 120 quilómetros por hora.

    {flowplayer}barbanza/temporalbarbanza.flv{/flowplayer}

    A fronte tan activa que estes días está a afectar a Galicia non só trouxo vento senón tamén chuvia; e moita. Na tarde de hoxe, chegáronse a rexistrar quince litros por metro cadrado en tan só unha hora nalgúns puntos da comunidade. Esta situación meteorolóxica tivo como consecuencia bastantes incidentes, aínda que ningún de excesiva consideración.

    Incidentes sen consideración

    Á hora de peche desta redacción Rianxo era sen dúbida o concello no que se rexistraron maiores problemas. O máis destacado se cabe o suceso que se producía esta tarde, ó redor das tres, no río Ulla, onde unha planeadora que operan nas obras de construción da ponte do AVE emborcou. O único tripulante da embarcación puido ser rescatado, sen presentar feridas de consideración. Ademais neste municipio foron numerosas as saídas tanto dos membros da Policía Local coma de Protección Civil a consecuencia da caíada de árbores nas estradas, maioritariamente na zona da Paradegua, e en pistas de Araño e Taragoña, cortando a circulación en ámbolos dous sentidos. A liña do tecido eléctrico tamén se veu afectada, pero non se produciron cortes do subministro. Na Pobra a única saída rexistrada durante a tarde foi provocada por unha caída dunha árbore na zona da autovía do Barbanza na saída norte. En Boiro e Ribeira os incidentes máis destacados viñeron provocados pola caída de contedores ou o descolgue dos alumeados de nadal. Aínda así a situación foi aínda peor no mar onde se rexistraron ventos forza oito con intervalos de nove e mar de fondo na Coruña e Pontevedra.

    Empeoramento

    De cara á madrugada a situación empeorará significativamente, e xa na fin de semana, a observarase unha lixeira melloría, aínda que toda a comunidade seguirá en alerta amarela. Dende a Dirección Xeral de Emerxencias fíxose un chamamento á poboación para extremar as precaucións, especialmente se teñen previsto algún desprazamento por estrada.

    Redacción Barbanza