Arde un camión estacionado no peirao de Escarabote

BOIRO> A Garda Civil de Boiro investiga as causas do incendio que se rexistraba esta pasada madrugada. As lapas deixaron calcinado case por completo o vehículo.

Unha chamada dun particular ó 112 alertando dun incendio nun camión estacionado no porto de Escarabote mobilizou esta madrugada a un amplo dispositivo de emerxencias.

O lume orixinouse por causas polo de agora descoñecidas ó redor das cinco da maña.

Ata o lugar desprazáronse rapidamente efectivos do parque comarcal de bombeiros de Boiro, apoiados pola Policía Local, Protección Civil e Garda Civil, que traballaron na extinción das lapas, nun operativo que se prolongou durante varias horas.

Afortunadamente, tan só houbo que lamentar danos materiais posto que, dada a hora en que se produciu o suceso, non había ninguén no porto, e tampouco se viron afectados outros vehículos.

As lapas afectaron maioritariamente á cabina do camión, que ardeu por completo, pero tamén á parte da carga.

A Garda Civil abriu xa unha investigación para esclarecer a posible orixe do lume. Todo apunta a que puido ser intencionado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí