O xurado cre que Pouso lle asestou un golpe ‘único e certeiro’ a Cristian

    veredicto_cristian100.jpgPONTEVEDRA> O xurado popular que xulgaba a morte do mozo da Illa Cristian Willisch considerou probado que o golpe que lle asestou Antonio Pouso, O Cuco, …

    … aquela madrugada do 8 de setembro de 2007 foi único e certeiro. 

    Os membros do xurado entenderon que a vítima a penas tivo tempo ou puido defenderse. Esta proposición implica alevosía, segundo explicou o propio fiscal xefe da Audiencia, Juan Carlos Aladro, polo que a decisión do xurado abre a porta a unha condena por asasinato para o principal acusado por estes feitos. Deste xeito, o xurado fixo súas as teses defendidas pola acusación particular, polo que a condena para Antonio Pouso pode ser de entre 15 e 20 anos de prisión, como establece o Código Penal para os delitos de asasinato.

    A decisión do xurado tamén pecha a posibilidade de que se lle aplique ó acusado algún dos atenuantes ou eximentes que formulaba a defensa. O avogado e mailo propio acusado falaron de embriaguez, pero o xurado considera que non quedou probado que Antonio Pouso estivera nun estado de ebriedade tal que puidera alterar a súa capacidade volitiva ou intelectual á hora de cometer o crime.

    Tampouco consideran probado que o procesado se sentira intimidado por unha situación de superioridade numérica durante o enfrontamento entre os dous grupos de mozos. Pouso argumentou durante o xuízo que reaccionou cravando o coitelo a Christian polo medo que tivo ó ver que o grupo da Illa era de seis persoas fronte ós tres do grupo de Vilanova. O que si considera probado o xurado é a tese do fiscal e da acusación particular que insistían en que o conflito foi só entre dous mozos da Illa e outros dous de Vilanova. Cren ademais que Pouso ocultou o coitelo no antebrazo.

    O xurado non cualifica como confesión o feito de que o acusado se entregase á Garda Civil un día despois de cometer o crime, cando xa estaba sendo buscado polas forzas do orde. Ademais, dálle a razón á acusación particular ó considerar probado un dos dous delitos de ameazas dos que acusaba a Antonio Pouso e polo que pedía dous anos de prisión. Cren que O Cuco si ameazou a Christian cunha pistola que resultou ser de aire comprimido. Por outro lado, o xurado absolveu do delito de encubrimento ós dous amigos de Antonio Pouso, Abraham Rey e Roberto Millán.

    Redacción Salnés