O COVID-19 deixa a Ribeira sen festas de verán

RIBEIRA> As celebracións do verán de Ribeira sucumben tamén ó coronavirus. Non se celebrarán nin as festas de agosto nin Santa Uxía. Tamén queda suspendida a feira Artemar. No que respecta á Dorna manterá algunhas das súas actividades a celebrar nun recinto pechado e sen público.

As festas de agosto, a feira Artemar e as celebracións patronais na honra de Santa Uxía non se celebrarán. Así o anunciou o concello de Ribeira que tampouco permitirá cacharelas en chan público durante o San Xoán.

Con respecto a outras celebracións de carácter privado, o concello tan só autorizará aquelas que garantan as máis estritas medidas de prevención e limitación de aforo.

A este respecto cómpre lembrar que a festa da Dorna manterá algunhas das actividades da súa programación habitual pero nun recinto pechado e sen público. Serán retransmitidas via streaming para disfrute de tódolos dorneiros.