![]()
BARBANZA> Ó redor das dúas da tarde as familias dos tripulantes do Alakrana recibían a nova máis agardada durante os últimos corenta e sete días: a liberación do barco e de tódolos mariñeiros en perfecto estado de saúde. Arestora o Alakrana navega rumbo ás Seychelles, a onde se prevé que chegue o xoves.
{flowplayer}barbanza/liberacionalakrana.flv{/flowplayer}
Tras unha mañá chea de insistentes rumores sobre a inminente liberación do Alakrana, a confirmación oficial chegaba pasadas as dúas da tarde coa comparecencia pública do presidente Zapatero. Minutos antes, os familiares dos mariñeiros secuestrados recibían a chamada dos representantes do goberno informándolles da liberación do atuneiro.
A angustia vivida durante mes e medio daba paso entón ó entusiasmo que, aínda así, non foi pleno ata que non conseguiron falar cos seus seres queridos. Visiblemente emocionada e pendente do teléfeno que non paraba de soar, Mónica Yáñez, a muller do electricista do Alakrana nos relataba como foi ese momento.
Tensa espera
Agora, tras corenta e sete días de tensa espera, o único desexo das familias é ter de volta na casa ós mariñeiros e poder deixar atrás este pesadelo. De momento, aínda non saben cando poderán voltar abrazalos aínda que está previsto que o atuneiro chegue o xoves ás Seycheles, e probablemente o sábado os tripulantes voen cara España.
Aínda que hoxe todo é ledicia, Mónica lembra con amargura o pesadelo vivido nestes 47 días de cautiverio, especialmente cando o seu home foi trasladado a terra baixo ameaza de morte.
Agora toca pasar páxina e mirar cara o futuro. Un futuro onde Mónica desexaría que o seu home non tivese que volver ó mar.
Redacción Barbanza










