![]()
RIBEIRA > A Asociación Sagres en Defensa do Litoral vén de opoñerse tamén ó proxecto da EDAR en Aguiño, sumándose así á Comisión de Veciños.
A Asociación Sagres en Defensa do Litoral oponse á memoria redactada pola empresa á que a Consellería de Medio Ambiente encargou o proxecto para a depuración integral dos vertidos de Ribeira.
Nesta memoria elíxese o Monte de Couso como emplazamento idóneo para a construcción da EDAR. Entre as razóns que se barallan para esta elección, segundo a memoria, atópase o feito de evitar o transporte de grandes cantidades de augas residuais entre Ribeira e Aguiño e alonxar a depuradora das zonas protexidas por patrimonio de áreas urbanas.
A asociación Sagres contraponse a estas afirmacións, xa que o proxecto non respecta os límites legais de distancia mínima de dous mil metros a núcleos de poboación. Nisto coinciden coa asociación de veciños de Aguiño así como na afirmación de que a creación dunha depuradora deste tamaño non responde ás necesidades de crecemento do municipio, xa que a metade da capacidade da planta será destinada a depurar os residuos de polígono industrial de Xarás, moito máis contaminante que as augas residuais urbanas. Para este uso industrial, segundo afirman as dúas plataformas, deberíase dispoñer dunha depuradora específica, como esixe a actual normativa.
Por último, consideran que a construcción da depuradora en Aguiño fai que se incremente o número de bombeos necesarios para transportar a auga en relación a calquera outro punto do municipio.
Falta de alternativas
Ademais, coa construcción da futura EDAR no monte de Couso poríase en perigo uns espazos naturais de importantísimo valor ecolóxico con áreas protexidas e catalogadas polo seu interese mediambiental, faunístico e paisaxístico, como son o Parque Natural de Corrubedo e o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
A futura depuradora sería unha ameaza para especies vexetais e animais propias desta zona, pero tamén para os bancos de percebe e en consecuencia, para os mariscadores. Segundo a asociación Sagres a decisión da instalación da EDAR tómase sen realizar ningún exame de alternativas tecnicamente viables, nin unha xustificación da solución adoptada, o que segundo marca o Decreto de Avaliación de Impacto Ambiental de Galicia e a Directiva Comunitaria é obrigatorio neste tipo de casos.
Redacción Barbanza










