Boiro licitou contratos por valor de 1’5 millóns de euros ó longo de 2024

BOIRO> Ano de récord en Boiro que pechou o 2024 con preto dun millón e medio de euros en licitacións de obras e servizos. Entre os máis destacados, figuran as reformas de rueiros en Runs e San Mauro, a reforma do mercado de abastos ou o sendeiro entre o río Breiro e Exipto.

Nada máis finalizar o ano, o concello de Boiro fixo balance das numerosas obras e servizos licitados ó longo de 2024 que suman un importe próximo ó millón e medio de euros. Cantidade que se verá notablemente incrementada cos máis de seis millóns de euros do Servizo de Axuda no Fogar que se atopa publicado en fase de resolución.

Tódolos contratos adxudicados durante o pasado ano están publicados na Plataforma de Contratos do Sector Público. Destacan , pola súa dotación orzamentaria, os rueiros de Runs e San Mauro con 430 mil euros, a reforma da praza de abastos que ascende a 146 mil euros, a pavimentación da subida a Espiñeira por importe de 147 mil euros ou o sendeiro que conecta o río Breiro con Exipto cun orzamento de cen mil euros.

Tamén se executou ó longo de 2024 a reforma de diversas infraestruturas viarias e obras hidráulicas como a mellora dos camiños do parque da Cachada ou a auditoría da rede de saneamento. En canto á adquisición de equipamentos destaca a instalación de cámaras de seguridade no polígono de Espiñeira ou a compra dun vehículo para uso municipal.