BOIRO> A Asociación Boirense de Empresas volve apostar esta primavera pola campaña ‘Compras con Corazón’. Ademais do sorteo de dous mil euros en vales de compra, esta iniciativa inclúe diversas actividades lúdicas que buscan reforzar o papel do comercio como corazón da vila.
Tralo éxito da primeira edición da campaña Compras con Corazón distinguida o pasado ano como finalistas nos Premios Comercio Galego, a Asociación Boirense de Empresas decidiu incorporala de maneira estable ó seu calendario anual. Arranca hoxe mesmo combinando incentivos directos ó consumo con propostas lúdicas que pretenden situar ó tecido comercial no corazón do pobo. A campaña concluirá o 23 de maio cunha gran festa de peche na que se procederá ademais ó sorteo de dous mil euros en premios.
O concello de Boiro colabora coa organización desta campaña que, ó igual ca o resto de accións que promove a ABE, contribúe a fomentar o dinamismo económico do municipio que segue a medrar a nivel empresarial, tal e como reflicten os últimos datos.
Para participar na actual campaña, os clientes poderán cambiar os seus tickets de compra por rifas para entrar nos sorteos. Recibirán ademais os chamados vales corazón para acceder ás actividades infantís e degustacións gastronómicas que se desenvolverán durante a festa de clausura. Ademais, os cen primeiros clientes que canxeen os seus tickets recibirán un abanico como agasallo.











