![]()
VILAGARCÍA> Delegados de CC.OO e CIG concentráronse este mediodía diante do Hiper Froiz de Vilagarcía, no centro comercial da Xunqueira.
Este é un dos actos previstos polos sindicatos como antesala da xornada de folga convocada no sector do comercio de alimentación para este venres. Patronal e sindicatos non conseguiron chegar a un acordo despois de 11 meses e máis de 14 reunións para negociar o novo convenio do sector.
Dende Comisións Obreiras e a CIG denúnciase a intención da patronais de recortar dereitos adquiridos noutros convenios. Cansados desta situación, o venres convocaron ós traballadores a saír á rúa a pedir a paralización do próximo convenio provincial.
Os sindicatos afirman que unha parte importante da patronal se nega a reunir para negociar e rexeita, de forma contundente, calquera achegamento cos traballadores. Denuncian tamén que usa a escusa da crise para recortar salarios e dereitos, cando os sindicatos aseguran que o sector non o está a pasar tan mal.
Na provincia de Pontevedra hai sobre mil empresas afectadas e arredor de 8.000 traballadores. Inda que hai que ter en conta que esta convocatoria non afecta a algunhas empresas que teñen os seus propios convenios colectivos, como é o caso de Mercadona, Día, Carrefour e Eroski. Pese a todo, os sindicatos piden a solidariedade dos seus compañeiros para lograr un resultado satisfactorio para os traballadores.
Redacción Salnés









