Oposición frontal de Unións Agrarias á baixada do rendemento por hectárea na D.O. Rías Baixas

PONTEVEDRA> Unións Agrarias oponse a que na Denominación de Orixe Rías Baixas se reduza o rendemento por hectárea aos viticultores. O sindicato rexeita a proposta que plantexa baixar dos 12.000 aos 10.000 os quilos por hectárea. Cren que a proposta se debe a problemas na xestión do stock dun número reducido de adegas e que só vai prexudicar aos viticultores. A intención de Unións Agrarias é evitar que a medida se leve a pleno e adiantan que, de facerse, tomarán medidas.

Unións Agrarias oponse frontalmente a rebaixar o rendemento por hectárea na Denominación de Orixe Rías Baixas.

Actualmente, o Consello Regulador recolle unha produción máxima de 12.000 quilos por hectárea. Tamén existe a posibilidade de incrementala ata un 25% en anos de moita produción. Pero a proposta que hai sobre a mesa quere reducila ata os 10.000 quilos.

Dende o sindicato destacan que a evolución dos mercados para Rías Baixas, segundo datos do Consello Regulador, é positiva. Na última década as vendas medraron un 16,5% ata os 26,7 millóns de litros en 2025. En canto ás exportacións, superaron os 8,6 millóns de litros.

O primeiro paso de Unións Agrarias será mandar un burofax ao Consello Regulador para coñecer a orixe da proposta e o informe técnico que a fundamenta. Tamén queren coñecer o estado do plan de crecemento ordenado previsto para a DO.

A intención do sindicato é impedir que a proposta de reducir os copos se inclúa na orde do día do vindeiro pleno, que previsiblemente se convocará para o 27 de marzo. Tamén iniciaron unha rolda de encontros informativos cos viticultores para darlles a coñecer esta proposta.

Unións Agrarias quere buscar tamén o apoio dos concellos cuxos territorios forman parte da Denominación de Orixe. Pedirán que leven aos seus plenos mocións rexeitando esta proposta.