O Túnel do Viño permite catar ata 161 viños de Rías Baixas

CAMBADOS> A Festa do Albariño de Cambados diversifícase. Se cos actos de onte quedaba inaugurado o epicentro da festa cos 40 stands no Paseo da Calzada, hoxe abriuse o espazo dedicado ao público que busca unha experiencia máis tranquila no seu achegamento aos Rías Baixas: o Túnel do Viño.

A súa función como complemento da festa que se desenvolve no Paseo da Calzada foi destacada tamén polo vicepresidente da Xunta de Galicia. Alfonso Rueda non quixo perder a inauguración desta actividade, incluída na programación do Albariño.

Na súa intervención, Rueda tamén destacou o importante peso do sector vitivinícola e da súa industria na xeración de emprego e na economía galega. Algo que vén respaldado, segundo explicou, polos bos resultados que deixou o mercado de traballo do mes de xullo.

O Túnel do Viño desenvólvese un ano máis no Salón José Peña. O concello de Cambados cede este espazo ao Consello Regulador. Unha colaboración que a alcaldesa ten a intención de manter.

Durante o 2017 o Túnel do Viño superou os 700 visitantes; cifra que o Consello Regulador agarda superar este ano. Por un prezo de 15 euros, os visitantes poden degustar as 161 marcas pertencentes a 60 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas. O túnel permanecerá aberto ata o domingo ao mediodía. Ademais, de xeito paralelo once adegas de Rías Baixas protagonizarán trece catas temáticas.