Espectacular festa de despedida ó Circuito Val do Salnés

circuito250_011209.jpgSALNÉS> Esta fin de semana presenciamos o peche dunha das máis míticas instalacións deportivas do Salnés. O circuito Val do Salnés, en Meis, celebrou a súa clausura o sábado e o domingo con diversas exhibicións que serviron de festa de despedida.

O proxecto do macroenlace de Curro fixo que un dos circuitos máis emblemáticos da provincia de Pontevedra tivera que pechar de xeito obrigado. E foi esta fin de semana cunha festa de despedida por todo o alto. O Cicuito Val do Salnés foi escenario durante o sábado e o domingo de exhibicións espectaculares que cumpriron coas expectativas creadas dende hai semanas. Pese a que o tempo non acompañou, numeroso público deuse cita nestas instalacións situadas en Meis.

Na primeira xornada tivo lugar unha exhibición de motos e karts do Campionato Galego, Catalán e Campionato de España de velocidade, na que tomaron parte numerosos pilotos.

Xa no domingo as barquetas, coches e fórmulas do Campioanto Galego tomaron a pista para facer as delicias dos presentes Ademais destas exhibicións realizáronse diversos sorteos de artículos relacionados co motor e celebraron unha festa a cargo de Discotecas Móviles Master.

A entrada era de tres euros para cada día e os afeccionados que ata alí se achegaron puideron tomar instantáneas xunto ós coches e pilotos participantes, que lles servirán de recordo dun circuito que desaparecerá definitivamente a principios de 2010.

Redacción Salnés