Xa hai máis de 400 inscritos na Carreira Popular Santa Uxía

RIBEIRA> A carreira popular Santa Uxía reunirá a medio milleiro de corredores o próximo sábado 30 de setembro. A proba enmárcase no noveno Circuíto Provincial de Carreiras Populares así como no sexto circuíto de carreiras Barbanza Arousa.

Xa hai máis de 400 inscritos na vixésimo cuarta carreira popular de Santa Uxía que se celebrará en Ribeira o sábado 30. Un total de 15 categorías tomarán parte na proba que dará comezo ás 5 da tarde dende a explanada do Malecón.

As carreiras curtas discorrerán entre a caseta da oficina de turismo e a rotonda das amas de casa, establecendo distinto número de voltas en función da distancia de cada catgoría. A proba absoluta constará dun percorrido de dúas voltas ata o paseo de Coroso, cunha distancia de dez quilómetros. Obrigará a cortar ó tráfico este treito entre as seis e as sete da tarde.

Haberá premios en metálico para os 3 primeiros clasificados, de 300, 150 e 90 euros respectivamente así como trofeos conmemorativos. No resto de categorías entregaranse medallas ós 3 primeiros agás na de menores de 6 anos na que todos levarán unha medalla conmemorativa.

Ademais do concello de Ribeira e da Asociación de Veciños de Carreira colaboran na organización da proba a Federación Galega de Atletismo, a Deputación da Coruña, a Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa así como a policía local, protección civil e a empresa Sportbike. As inscricións continuarán abertas ata o próximo mércores día 27.