Un gol de Sesar a 11″ do final dálle a victoria ó Junquera

futbolsala250_011209.jpgSALNÉS> Séptima victoria consecutiva do Grupo Junquera na Primeira Nacional B polo que os vilagarciáns son xa líderes virtuais da competición. Unha categoría por enriba, o Viajes Interrías xoga esta noite ante o Azkar B.

O filial do Azkar Lugo chega esta noite a Portonovo. Un equipo xoven e repleto de calidade que representa, xunto coa do Lobelle, a canteira máis importante do futbol sala galego. Xogadores como Hugo ou Keita, indiscutibles a día de hoxe no primeiro equipo, poderían estar en Baltar co conxunto B.

Con todo, o Viajes Interrías suma os mesmos puntos que os lucenses a estas alturas de temporada e ambos sitúanse en metade de táboa polo que se antolla un encontro igualado.

Salgueiro repite convocatoria con respecto á semana pasada en Santiago e tan só terá que prescindir de Óscar por lesión. O partido dá comezo ás21:30 horas no pavillón de Baltar.

O que xa xogou foi o Grupo Junquera que gañou con moito sufrimento en Fene ante o Begasucegasa (2-3). Un rival que puxo en moitos problemas ós vilagarcíans, que souberon impoñer a súa calidade in extremis.

Pese a que o dominio e as ocasións sempre foron do Junquera, que chegou a estrelar cinco balóns contra os paus, non reflectíu a súa superioridade no tanteador. Ó descanso o macador era de 0-0 e trala pausa os locais adiantáronse no elecrónico. Pese a que Chini con dous goles lle deu a volta ó partido un tanto de Daniel no 39′ puxo de novo as táboas.

Foi a 11 segundos para o final, despois de que Rodrigo Feijóo puxese en liza ó porteiro-xogador, cando apareceu Sesar para rematar a gol unha excelente xogada colectiva. Xa non houbo tempo para mover ese 2-3 que deu a séptima victoria consecutiva para un Grupo Junquera que a día de hoxe é líder, pese a que por detrás Pinturas Brulak e Esteo poderíano pasar xa que contan con menos partidos disputados.

Redacción Salnés