O Vilalonga busca en Vista Alegre novos obxectivos

SALNÉS> Lonxe dos postos de descenso os de Gabi Leis queren un triunfo ante o Ordes que lles achegue á parte alta da táboa. O Sanxenxo busca recuperarse a costa do Somozas.

O Vilalonga está a día de hoxe en terra de ninguén, a nove puntos do ascenso e a outros tantos do descenso. Unha stuación cómoda para os de Gabi Leis que se enfrontan a un equipo na súa mesma situación, o Ordes. Os de Nacho son un dos conxuntos máis fiables da competición como local, un campo o de Vista Alegre no que os celestes tan só venceron en dúas ocasións das once nas que alí compareceron. A pelexa en mediocampo semella clave, trátase da liña máis potente do Ordes na que conta con xogadores de gran calidade como Peter Rocha, Ángel ou Carlos Padín. Por parar a esta tripleta pasan as opcións dun Vilalonga que cada vez amosa mellor cara. Alex Castro é baixa nos locais por sanción.

Outro equipo de media táboa é o Somozas, que visita esta semana ó Sanxenxo. Os de Míchel Alonso recuperáronse dun mal inicio ligueiro e cun futbol traballado e ordenado comezaron a remontar posicións. Foron quen de empatarlle ó Vilalbés, gañar ó Ferrol e tamén ó Vilalonga en San Pedro, cun gol dende 50 metros de David Franch, a referencia deste equipo no centro do campo.

Ó Sanxenxo comeza a esgotárselle o crédito. Os de Calucho teñen que gañar como sexa, non so a efectos de clasificación, xa que xa están a seis puntos da salvación, senón pola moral dos xogadores. Coma sempre, o triunfo dos amarelos pasará pola fortaleza defensiva. Son o equipo máis goleado do grupo. Se son quen de minimizar os erros ante o Somozas, seguro que terán opcións de victoria.

Redacción Salnés