![]()
VILAGARCÍA> A Xunta de Goberno Local de Vilagarcía acordou requirir a cinco conserveiras e cocedoiros da zona de Vilaxoán …
… para que cesen de inmediato de verter á rede municipal de saneamento os residuos que non se teñan depurado previamente.
A decisión, anunciada hai uns días polo concelleiro de Xestión do Territorio, ten como obxectivo pórlle fin ós vertidos contaminantes que se repiten con insistencia na dársena de Vilaxoán. A Xunta de Goberno tamén aprobou iniciar un expediente sancionador contra Pita Hermanos S.A ó probarse a súa responsabilidade no vertido acontecido en agosto en augas de Vilaxoán e polo que Portos de Galicia multou ó Concello.
O acordo confirma a contundencia coa que o goberno local actuará contra as empresas contaminantes que incumpran a normativa establecida. O Concello tamén lle comunicou ás empresas Pita Hermanos, Bernardo Alfageme, Mejillones Ría de Arousa, Mejillones Nida e Cefrico que dispoñen do prazo dun ano para que adapten as súas instalacións e deixen de verter á rede municipal incluso as augas negras previamente depuradas.
Polo tanto, no prazo dun ano, estas empresas deberán contar con sistema propio de recollida, depuración, tratamento e eliminación dos residuos resultantes da súa actividade produtiva, sen que estes pasen pola rede municipal. Un sistema que xa usan no polígono industrial do Pousadoiro. O Concello advirte que a depuradora de Ferrazo está case ó límite da súa capacidade máxima de tratamento.
Redacción Salnés









