‘Do que se come, se cría’: xa está aquí a cuarta edición de Vilagarcía, cidade de Libro

VILAGARCÍA> A cuarta edición de ‘Vilagarcía, cidade de libro’ traerá 25 autores destacados. A feira celebrarase do 11 ao 16 de xuño. Cada unha das xornadas estará dedicada a unha temática e con propostas pensadas para tódolos públicos, especialmente para a rapazada. Entre os autores que este ano visitan a cidade do libro salientan os premio Planeta Lorenzo Silva e Javier Sierra, xunto cun bo feixe de escritores galegos, locais e emerxentes.

Do que se come, se cría…e en Vilagarcía estes días queren devorar os libros. Esta mañá presentouse o detalle do programa do ‘Vilagarcía, cidade de libro’, un evento que, di o alcalde, pon á cidade nun lugar privilexiado do mapa cultural.

A programación estenderase do 11 ao 16 de xuño. Cada unha das xornadas estará dedicada a unha temática: poesía, novela negra, sentimentos e psicoloxía, literactivistas, viaxes e talento feminino. Ademais, os contidos da feira expándense e van a máis.

Unha programación que inclúe propostas para tódolos públicos.

Entre os autores, salienta a visita dos premio Planeta Lorenzo Silva e Javier Sierra ou de Ángel Martín, que repite. Tamén, de novo, un peso destacado para os autores galegos e emerxentes, así como para os autores da cidade e a súa contorna que terán tamén o seu espazo.

Manuel Jabois, Manuel Loureiro, Pedro Feijóo, Afa Torrado, Lúa Mosquetera ou o premio nacional de poesía moza Ismael Ramos son algúns dos outros nomes que pasarán pola Cidade de Libro na edición deste ano, que mantén as súas conversas ao solpor como un dos grandes atractivos, un xeito diferente de escoitar e conversar cos autores, nun formato próximo.