A Feira de Oportunidades chega para ‘aliviar’ a 35 comercios de Cambados

CAMBADOS> As mellores ofertas do comercio local volven esta fin de semana a Cambados. Entre o 17 e o 19 deste mes, a vila acollerá a feira de oportunidades de Zona Centro. Este ano a cita contará con 35 stands de comercios da zona, que buscan nesta actividade un xeito de liberar stock e compensar a tempada difícil que viven dende Nadal.

Cambados volve apostar pola súa feira de oportunidades para promocionar o comercio local. Entre o 17 e o 19 deste mes o Paseo da Calzada volverase a encher de stands, que acollerán as mellores ofertas dos establecementos cambadeses e da contorna.

Este ano haberá cinco expositores máis que o ano pasado. Ademais, moitos solicitaron ampliar o seu espazo. Unhas cifras que, a parte de demostrar o éxito desta feira, son un síntoma da difícil tempada que atravesa o pequeno comercio dende o Nadal.

O concello colabora con Zona Centro na organización da cita e preparan varias actividades sorpresa para todos os públicos. Ademais, este ano a feira terá temática mariñeira, requisito para conseguir a autorización de Portos de Galicia para celebrala.

Tanto Zona Centro como o concello agardan repetir o éxito que conseguiron o ano pasado, cando máis de 20.000 persoas pasaron polos stands os tres días de feira.