O risco de derrube do falso teito agrava o xa precario estado da praza de abastos

    desperfectosprazaabastosribeira_100_15122009.jpgRIBEIRA> A pesar das reiteradas denuncias sobre o mal estado das instalacións da praza de abastos, os praceiros vense obrigados a acudir diariamente a desenvolver o seu traballos en precarias condicións. O risco de derrube de parte do falso teito e as deficiencias no subministro eléctrico que mesmo lles impiden conectar as estufas nesta época de frío non fai máis que agravar unha situación que califican de tercermundista.

    {flowplayer}barbanza/desperfectosprazaabastosribeira.flv{/flowplayer}

    O desprendemento de varias placas do falso teito engade un capítulo máis na longa lista de deficiencias que acumula o mercado municipal de Ribeira. Os praceiros teñen denunciado en numerosas ocasións o precario estado en que se atopan as instalacións que non reúnen unhas mínimas condicións para prestar un servizo de calidade.

    A estes desperfectos engádeselle agora o frío que teñen que soportar os traballadores, posto que o inmoble non conta cun bo sistema de aillamento, así como os riscos derivados do mal estado do teito.

    Revisión

    Dende o concello xa encargaron a revisión das suxeccións do falso teito para evitar novos desprendementos. Aínda así, os praceiros non consideran suficientes os arranxos que realizou o executivo nos últimos meses e esixen a construción dun novo inmoble onde desenvolver o seu traballo en condicións dignas, tal e como lle levan prometendo dende hai 20 anos.

    Mentres tanto auguran que as vendas seguirán a súa tendencia descendente posto que o ruinoso estado do actual mercado escorrenta ós clientes.

    Redacción Barbanza