O libro será protagonista esta fin de semana en Rianxo

RIANXO> A praza Castelao de Rianxo acolle estes días unha nova edición da Feira do Libro, organizada pola Federación de Librarías de Galicia. Prolongarase ata o próximo domingo con múltiples actividades dirixidas a satisfacer todo tipo de públicos. Durante estes días terán lugar múltiples presentacións de libros a cargo de destacados autores como é o caso de María Soliño, Xosé Duncan ou Laura Novelle, entre outros. Tamén haberá espectáculos para os máis pequenos con sesións de contacontos e diversos obradoiros. E como non, a música será tamén protagonista coas actuacións de Luar na Lubre e Uxía Lambona e a Banda Molona, mañá sábado, e de Xoán Curiel, o domingo. Na edición deste ano participan un total de dez librarías de Santiago, A Coruña e A Pobra do Carmiñal, así como tamén dúas da localidade: a libraría Cándido e a libraría Ben. Como é habitual, as compras de libros terán un 10% de desconto. O horario da feira será polas mañás de doce a dúas e media e polas tardes de seis e media a dez e media.