O BNG solicita a retirada das gaiolas de salmón da ría de Muros

    MUROS> O BNG insta á Xunta de Galicia a retirar as gaiolas experimentais de salmón da ría de Muros. Entenden que, caducada a concesión e fracasado o proxecto, tan só procede quitar estas estruturas, tres anos despois da súa instalación. O parlamentario nacionalista Daniel Rodas cualifica o proxecto experimental como un auténtico fiasco tanto en termos de produción como de xeración de emprego. Transcorridos tres anos dende a súa instalación, os nacionalistas instan á Xunta a convocar a comisión de seguimento para declarar a caducidade da concesión e proceder á retirada das tres gaiolas emprazadas en Louro.