![]()
GALICIA> A Consellería de Economía e Industria ven de por en marcha XIGA, a rede de Xestores de Innovación de Galicia; un proxecto piloto pioneiro en…
{flowplayer}images/salnes/221209_xiga.flv{/flowplayer}
… España que vai a supoñer a formación de medio cento de técnicos especialistas en materia de I+D+i e a súa incorporación a outras tantas pequenas ou medianas empresas galegas. Este departamento autonómico, mediante a Dirección Xeral de I+D+i, farase cargo do adestramento destes profesionais ata convertelos en expertos na xestión de proxectos innovadores e cofinanciará os seus custos laborais durante os seus primeiros tres anos, unha vez que entren a formar parte das empresas seleccionadas. Para este concepto, o goberno galego disporá dun orzamento de 5 millóns de euros no vindeiro trienio. Con estes cartos, as pemes galegas recibirán achegas de ata un 70 % no primeiro ano para asumir o custe laboral que supoña a nómina do xestor en innovación asignado; recibindo na segunda anualidade un 50 % e un 30 % no terceiro ano; sempre ca limitación máxima da axuda de 30.000 euros anuais.
A XIGA vai a desenvolverse en tres fases. A primeira delas terá lugar durante o primeiro trimestre do ano 2010. No primeiro mes, a Consellería de Economía e Industria seleccionará os 50 candidatos a xestores expertos en innovación que deben cumprir os seguintes requisitos: posuír unha titulación superior, ter experiencia previa ou formación no eido da I+D+i e contar con dominio do inglés e habilidades TIC. Nos seguintes dous meses, os seleccionados acudirán a un curso de formación intensiva de 320 horas presenciais, nos que ampliarán os seus coñecementos sobre temas como os sistemas de xestión da I+D+i, xestión administrativa e económica de proxecto de I+D+i; novas tecnoloxías, vixilancia tecnolóxica, fiscalidade da innovación, xestión da calidade ou outros.
Ó mesmo tempo, nesta primeira fase, desenvolverase unha convocatoria pública para as pemes, nas que as empresas que acrediten a súa condición de peme, que se encontren ó corrente das súas obrigas fiscais, e teñan experiencia previa en iniciativas de I+D+i ou plans en firme de abordalas nun futuro inmediato; poderán solicitar ser integradas neste programa. Será no segundo trimestre do vindeiro ano cando as 50 empresas beneficiarias acollan nas súas filas a cadanseu profesional. Un traballador que poderá dispor na súa actividade co soporte dos recursos da Rede Xiga, que facilitarán a súa formación continua ou o intercambio de experiencias on-line.
Tanto as empresas como os propios profesionais traballarán con autonomía pero estarán supervisados polo executivo, co fin de que os cargos subministrados dean resultados cuantificables na práctica como son o número de proxectos de I+D+i identificados, o número de proxectos realizados e en execución e os resultados acadados grazas a estes.
Con esta iniciativa, o Goberno Galego persegue investir a tendencia negativa que experimentou o gasto privado en I+D nos dous anos anteriores, eido no que se rexistrou unha baixa do 8´7 % segundo datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística. As expectativas deste proxecto apuntan a que ó remate do 2012, as empresas participantes incrementarán en máis dun 30 % a súa innovación, e rexistrarán un 50 % máis de proxectos presentados a convocatorias competitivas de plans autonómicos, estatais e internacionais, e aumentarán a súa facturación ligada á explotación dos resultados dos proxectos.
Esta iniciativa persegue acadar varios obxectivos como son a dotación do mercado empresarial de expertos en I+D+i para que as pemes poidan contar cun asesoramento especializado que lles permita identificar oportunidades e desenvolver proxectos que se traduzan en solucións productivas innovadoras. O obxectivo de fondo en relación ás empresas é potenciar as iniciativas e o gasto privado en I+D+I e o desenvolvemento de estructuras estables dentro das empresas para a súa xestión. Polo que respecta á Xunta, o proxecto persegue levar a cabo accións de soporte que trascendan a axuda económica puntual ligada a proxectos concretos abordando aspectos estruturais do progreso empresarial como consecuencia de estratexias innovadoras.
A medida que a actuación se desenvolva, a Consellería de Economía e Industria procederá a avaliar os resultados desta experiencia piloto inicial para optimizar os criterios da extensión da acción a un maior número de empresas e obter inputs dos xestores de innovación que configurarán a rede para mellorar a planificación das accións ligadas á política de I+D+I da Xunta.
No programa subxace tamén un cometido social relacionado coa dinamización do mercado laboral a través da mobilización de profesionais altamente cualificados con perspectivas de contratación estable. Como fin último, búscase contribuír á consolidación dun modelo económico baseado no coñecemento e na innovación a partir dos proxectos de I+D+I que o tecido empresarial poñerá en marcha grazas á iniciativa destes profesionais.
Este proxecto é un anticipo das liñas de traballo que serán priorizadas no novo Plan Galego de I+D+i, en fase de deseño, e na nova Axencia Galega de I+D+i, que se porá en marcha durante o ano 2010.
Redacción Salnés






