CAMBADOS> ‘Roteiros pola poesía de Ramón Cabanillas’ pon fin ás homenaxes ó bardo de Fefiñáns. Francisco Fernández Rei e Luís Rey son os autores.
{flowplayer}images/salnes/231209_poemas_cabanillas.flv{/flowplayer}
Aló polo mes de agosto o filólogo Francisco Fernández Rei xunto a Luís Rei, comezaron a dar forma a esta escolma poética que hoxe se presenta ante os medios de comunicación. Roteiros pola poesía de Cabanillas constitúe o cumio das homenaxes realizadas durante o ano ó bardo cambadés.
O libro contén tres roteiros distintos. O primeiro constitúe un percorrido polos monumentos, rúas e paisaxes de Cambados que Cabanillas estrañou durante algunha etapa da súa vida. O segundo bota unha ollada ó Val do Salnés con poemas que amosan unha visión de conxunto da comarca. O último dos bloques é quizais o máis persoal, unha viaxe pola obra do poeta desde o punto de vista dos escolmadores.
A partir da próxima semana, tódolos fogares de Cambados comezarán a recibir un exemplar deste poemario. Imprimíronse uns cinco mil exemplares, algúns viaxarán ó estranxeiro, xa que a Comisión Cabanillas pretende enviar un libro ós centros de Galicia nos que os cambadeses teñan presenza, como Bos Aires, Hamburgo, ou Nova York.
Os autores da escolma estarán o vindeiro martes no Auditorio de Cambados para presentar ante o público xeral este libro. Será ás oito da tarde, coincidindo coa representación dos poemas O Bendito San Amaro e catro composicións de Nadal obra do bardo de Fefiñáns. No escenario estarán os alumnos do cadro de declamación do Instituto Ramón Cabanillas.
Redacción Salnés