Os Rías Baixas, dos viños españois líderes en exportación a EEUU

    campana_usa_copia.jpgPONTEVEDRA> A pesar da caída de vendas mundiais no sector de elaboracións con D.O. no 2009, Estados Unidos segue a ser un mercado en auxe.

    {flowplayer}images/salnes/200110_campana_usa_rias_baixas.flv{/flowplayer}

    Segundo os cálculos dos expertos, dentro de dous anos Estados Unidos converterase no primeiro consumidor mundial de viños. A falta dos datos definitivos do 2009, durante o ano pasado o consumo neste país medrou arredor dun 1,6 por cento, un lixeiro descenso con respecto a exercicios anteriores, pero pouco significativo tendo en conta o panorama de crise económica e que se viña dunha década de constante crecemento.

    Estados Unidos importa o 26 por cento dos viños que consume. De entre eles, os Rías Baixas son dos viños españois que lideran as exportacións ó continente. Arredor da metade das botellas que esta DO destina ó comercio exterior, preto dun millón oitocentas mil, van para Estados Unidos, o que o converte no seu primeiro mercado de exportación seguido de Reino Unido. Nestes intres, o Consello Regulador está compilando os datos das adegas para coñecer os datos de vendas correspondentes ó 2009, pero xa adiantan que no último exercicio a comercialización no mercado internacional foi algo inferior ó 2008.

    Este 2010 o Consello Regulador volverá a contar coa axuda do ICEX e o IGAPE para continuar coa campaña de promoción en Estados Unidos. Comezaron no 2005, e desde entón, conseguiron que os Rías Baixas ocupen postos de referencia entre os brancos españois, ademais de aparecer nas cartas dos mellores restaurantes estadounidenses. Membros da Oficina comercial de Wines from Spain de Nova York e da Axencia Cornerstone fixeron balance dos resultados obtidos no 2009 e explicaron ás 15 adegas que participan na campaña as accións publicitarias se van levar a levar a cabo neste 2010. Destacan os seminarios de formación dirixidos a profesionais do sector, catas, maridaxes ou a promoción a través de redes sociais como Facebook ou Twitter.

    Redacción Salnés