Ribeira avanza na tramitación para a ampliación do polígono industrial

    RIBEIRA> Medio Ambiente someterá a consulta a modificación puntual do PXOM de Ribeira e o informa ambiental remitido polo concello para a ampliación do polígono industrial. Os terreos nos que se prevé emprazar o futuro parque sitúanse na parroquia de Oleiros. O concello de Ribeira avanza na tramitación da ampliación do polígono industrial. Esta semana remitiu á Consellería de Medio Ambiente a modificación puntual do PXOM e o documento ambiental estratéxico. Trátase de dous procedementos que se poden tramitar de xeito simultáneo: Agora Medio Ambiente someterá a documentación ás consultas dos órganos competentes e demais administracións ou persoas interesadas que dispoñen de dous meses para a presentación de alegacións. Superado este paso, abrirase outro prazo de dous meses para formular o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico. Tras estudar varias alternativas, o concello decidiu finalmente construír o novo polígono na zona da Fontenla, en Oleiros. Estes terreos dispoñen de douscentos setenta mil metros cadrados dos cales 159 mil destinaríanse a uso industrial. En paralelo á tramitación da ampliación do parque empresarial, o concello de Ribeira traballa na adhesión á rede Concello Doing Bussines que implica bonificacións fiscais e facilidades para a implantación de novos empresarios así como axudas para programas de formación e emprego. O executivo someterá á aprobación do pleno esta proposta.