![]()
VILAGARCÍA> Permanece amarrado no peirao do Xufre á espera de solucionar a súa situación legal e descargar a mercadoría.
{flowplayer}images/salnes/010210_BERMEOTARRAK.flv{/flowplayer}
Despois de permanecer durante 18 días fondeado fronte as costas da Pobra do Caramiñal, onte ó redor das tres da tarde, o Bermeotarrak 4 atracaba no porto de Vilagarcía. Capitanía Marítima, Portos de Galicia e Autoridade Portuaria de Vilagarcía acordaron esta medida para previr posibles incidentes medioambientais. A semana pasada o atuneiro comezara a garrear, a áncora estaba mal asentada, e ante o risco de que puidera chocar contra os parques de bateas decidiron conducilo a terra.
A Federación Internacional dos Traballadores de Transportes, a ITF, estase a responsabilizar destas negociacións para poder descargar o peixe o antes posible. Pero antes, é preciso que se solucione a situación legal do buque.
O Bermeotarrak non chegou a atracar na Pobra porque unha orde xudicial obrigou a mobilizalo na entrada da ría. A armadora, Pebertu, acumula varios embargos, e aínda que o capitán do buque asegura que xa se puxeron en contacto con el, a situación é delicada.
Polo de agora non se sabe canto tempo terá que permanecer aquí o atuneiro. Cáritas Interparroquial de Vilagarcía está achegando víveres ós mariñeiros e a Autoridade Portuaria xa está a xestionar a entrega dun xerador eléctrico para o mantemento dos tres motores.
O atuneiro vasco Bermeotarrak 4 pesca en augas internacionais do Atlántico. Dos 25 mariñeiros que quedan a bordo, 18 son africanos, polo que a prioridade agora mesmo, ademais de liberar a carga, é que estes traballadores poidan volver ós seus países de orixe.
Redacción Salnés







