As obras da senda fluvial de Dorrón comezarán no mes de maio

SANXENXO> Os veciños de Dorrón comezan xa a conta atrás para ter lista a súa senda fluvial. No mes de maio comezarán as obras deste novo equipamento, ao que a Xunta destinará case 400 mil euros. Case 5 quilómetros de senda que serán posibles grazas á cesión de parte dos seus terreos de 300 veciños da zona. O obxectivo é converterla nun atractivo máis do municipio, pata potenciar o ecoturismo e axudar a desestacionalizar a oferta.

Cinco quilómetros de senda permitirán percorrer a beira do río Dorrón, en Sanxenxo. Xa está listo o proxecto para a construción desta nova infraestrutura verde, que unirá a Praia de Areas co muíño de Xián.

A obras contan cun orzamento de case 400.000 euros. Comezarán no mes de maio e teñen un prazo de execución de 5 meses.

O proxecto contempla a limpeza e a roza de vexetación, ademais de eliminar as especies invasoras que medran na beira do río. Construiranse unha pasarela elevada de madeira para o paso de peóns e ciclistas e varias infraestruturas de paso de madeira e de pedra durante o percorrido. Ademais, habilitaranse áreas de descanso en varios puntos do trazado.

Na presentación do proxecto, destacouse a implicación da veciñanza para facelo posible. Non en van, para deseñar o trazado foi necesario que preto de 300 veciños cederan parte dos seus terreos.

Na nova ruta sinalizaranse os lugares de interese con dez paneis informativos, entre eles os muíños da Costa, de Felipe e de Quintáns, a igrexa de San Pedro de Bordóns, o lavadoiro de Outeiro ou o cruceiro de Quintáns. Farase tendo en conta o manual de sendeiros da Federación Galega de Montañismo para despois poder homologar o trazado.