Un detido e trinta identificados no operativo contra o furtivismo en Arousa Norte

    operativofurtivismo_100_030210.jpgBARBANZA> Un operativo contra o furtivismo en Rianxo, Cabo de Cruz e a Pobra saldouse cunha persoa detida e coa incautación de vinte e catro útiles de pesca e de cento setenta e cinco quilos de distintas especies. A redada estivo dirixida polos axentes de Gardacostas, da Consellería do Mar, en colaboración coa Unidade de Policía adscrita á Galicia e os vixiantes das confrarías de Rianxo, Cabo de Cruz e a Pobra.

    {flowplayer}barbanza/operativofurtivismo.flv{/flowplayer}

    O operativo, que tivo lugar este martes en augas da ría de Arousa, saldouse con 30 persoas identificadas, unha persoa detida e coa incautación de 24 útiles e o comiso de 175 quilos de diferentes especies.

    Nesta operación contra o furtivismo interviron axentes de Gardacostas coa patrulleira Paio Gómez Chariño, unha auxiliar desta embarcación e dúas auxiliares máis da patrulleira Irmáns García Nodal. Tamén participaron axentes da UPA, a Unidade da Policia adscrita á Galicia e vixiantes das confrarías de Rianxo, Cabo de Cruz e a Pobra do Caramiñal.

    Un detido en Boiro 

    Os axentes conseguiron identificar a trinta persoas que pescaban ilegalmente, unha delas resultou detida por resistencia a autoridade. No operativo realizouse a incautación de diversos útiles de pesca, entre outras, catro rastrillos, dous rastros, cinco sachos, unha forquiña e dos raños.

    Ademais os axentes de Gardacostas comisaron noventa e dous quilos de ameixa, setenta e oito quilos de longueirón e cinco quilos de mexillón de roca. A operación pechouse co levantamento de quince actas de infracción.

    Os patróns maiores de Arousa Norte valoraron positivamente este operativo que, en palabras de Baltasar Rodríguez, dirixente do pósito de Rianxo, xa se tiña que ter realizado antes para frear a acción destes furtivos que actuaban de forma organizada, causando danos moi graves ó sector e mesmo poñendo en risco a seguridade dos vixilantes.

    Mercado paralelo

    Tamén na Pobra e en Cabo de Cruz acolleron con satisfacción o desartellamento destas bandas aínda que cren que é preciso que a administración continúe a despregar opertaivos deste tipo e sancionar ós infractores para disuadir ós furtivos. Dende o sector, ademais da implicación da administración pública tamén apelan á conciencia dos compradores para que non contribúan á existencia dun mercado paralelo que repercute na baixada dos prezos en lonxa.

    O patrón maior rianxeiro destaca non só as consecuencias negativas sobre a economía dos produtores senón os riscos sanitarios que supón a compra-venda deste marisco que non pasa polos controis.

    Redacción Barbanza