RIANXO> As imaxes que se ven foron captadas polas propias cámaras de seguridade da farmacia. Nelas pode verse a entrada do individuo coa cara tapada ó establecemento e o momento no que accede ó interior do mostrador e saca o coitelo co que ameaza á empregada, que ante o temor a ser agredida, fuxe cara a rúa a pedir auxilio. Tras dela o ladrón abandona rapidamente o lugar co caixón da máquina rexistradora.
As imaxes falan por si soas. E grazas a elas e a un estudo pormenorizado das mesmas, os axentes puideron deter ó autor do roubo.
Segundo informaron fontes do Instituto Armado trátase dun veciño da localidade, un vello coñecido das forzas da orde, con numerosos antecedentes por feitos similares.
No rexistro realizado no seu domicilio, tras a correspondente autorización xudicial, a Garda Civil atopou pezas de roupa de similares características ás que portaba o agora detido o día do atraco; un coitelo moi parecido ó empregado para ameazar á farmacéutica, así como o caixón da caixa rexistradora da farmacia que fora subtraído.
O detido xa pasou a disposición xudicial no Xulgado número 2 de Padrón que foi o que instruíu a causa.