Guerra reitera o apoio ó empresariado barbanzán a través do IGAPE

    conselleiroindustria_100_050210.jpgBOIRO> O Conselleiro de Economía participou nun encontro con empresarios do Barbanza para explica-las liñas de apoio ás empresas por parte do IGAPE.

    {flowplayer}barbanza/conselleiroindustria.flv{/flowplayer}

    O salón de actos do centro social boirés quedouse pequeno para acoller esta xornada organizada pola Federación de Empresarios do Barbanza en colaboración co IGAPE, dirixida ás pequenas e medianas empresas da comarca.

    Na iniciativa tomou parte o propio conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, quen salientou a vixencia, ata o videiro 30 de xuño, dos programas re-imaXina e re-Solve como instrumentos financeiros fundamentais para impulsar a reactivación do tecido empresarial galego mediante o financiamento dos investimentos ou do circulante que precisen os autónomos, as microempresas e as pemes para medrar ou para manter a súa actividade con normalidade nestes tempos de crise.

    Incremento

    No encontro mantido cos empresarios do Barbanza, Javier Guerra destacou tamén que durante o pasado ano 2009 o Instituto Galego de Promoción Económica aprobou un total de 639 solicitudes de empresarios da comarca, o que supón un incremento do 1.260% sobre as solicitudes aprobadas en 2008. Segundo explicou Guerra, o Instituto concedeu en 2009 axudas por importe de 3,5 millóns de euros e habilitou préstamos a empresarios do Barbanza por importe de 14,4 millóns de euros durante o ano pasado.

    O conselleiro de Economía e Industria resaltou o compromiso do Goberno Galego para manter, a través do IGAPE, os programas de axudas para facilita-lo financiamento dos investimentos ou as necesidades de circulante das pemes galegas, e destacou que, no marco do plan re-Forza 2010, o organismo que preside porá o acento en impulsar as iniciativas empresariais de mellora da competitividade e de internacionalización, así como na axilización da súa xestión das solicitudes para conseguir que os apoios sexan máis efectivos para as empresas e os emprendedores galegos.

    Redacción Barbanza