Os mariscadores noieses poderían volver ó traballo o próximo luns

NOIA> Nas últimas mostraxes realizadas polo pósito obsérvase unha baixada dos niveis de toxina. A campaña marisqueira veuse paralizada o pasado 19 de setembro, apenas dúas semanas despois da súa apertura. As últimas análises levadas a cabo tanto polo laboratorio privado como polo Intecmar confirmaron o pasado mércores a baixada da concentración da toxina. Aínda así a necesidade dun segundo resultado negativo para poder reabrir ó traballo as concesións provocou unha nova espera. As probas realizadas a última hora da tarde de onte confirmaron a boa nova, polo que a reapertura podería ser unha realidade de cará ó vindeiro luns. De confirmarse á volta ó traballo, a Confraría pretende facelo con tódalas garantías, polo que teñen previsto realizar novas analíticas durante a fin de semana co fin de confirmar de que o marisco a extraer o luns reúne as condicións óptimas para a súa comercialización. De ser así, os produtores noieses estarían apenas unha semana parados por mor da toxina. Un período relativamente pequeno en comparación co acontecido na campaña anterior, na que o peche se prolongou durante un mes.