MUROS> A primeira das paradas do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a Muros producíase no Concello.
As portas da casa consistorial agardábano a alcaldesa, María Lago, e a tenente de alcalde, Caridad González, así como outros membros da corporación municipal.
Tras os saúdos de rigor, e xa no salón de pleno, procedeuse á sinatura dun convenio de colaboración que permitirá o financiamento das obras de construción dun novo parque infantil en Esteiro e o acondicionamento da zona deportiva e de xogos de Louro.
Os dous proxectos contan cun orzamento de máis de 246 mil euros, dos que a Deputación achegará o 80% do investimento total.
Dende o Concello valoraron moi positivamente a sinatura deste convenio que contempla a creación dun novo parque infantil na contorna do Parque do Artón e a posta en valor dun espazo público actualmente infrautilizado en Agra de Filgueira, en Louro.
Na visita o presidente destacou tamén a estreita cooperación da Deputación co concello muradán onde a institución provincial, nos últimos once anos, investiu máis de 18,2 millóns de euros. Dese total 9,2 millóns de euros aproximadamente corresponden ó Plan Único, a principal ferramenta de cooperación da Deputación cos concellos, que permitiu financiar en Muros un total de 54 obras destinadas á mellora de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos.
A visita do presidente da Deputación a Muros remataba na rúa Real, onde puido comprobar o resultado das obras da segunda fase da humanización levadas a cabo neste espazo, en pleno casco histórico, que tamén financiadas pola institución provincial a través do Plan Único con preto de 230 mil euros.
O proxecto incluíu a renovación das redes de abastecemento e saneamento, cunha nova rede separativa, a mellora das canalizacións de alumeado público e a instalación de canalizacións que permitirán no futuro soterrar o cableado eléctrico e de telecomunicacións.
En definitiva modernizar e poñer en valor unha rúa que presentaba importantes deficiencias respectando a identidade e o extraordinario valor patrimonial do casco histórico da vila.











