O Portonovo xa é colíder e o Sanxenxo sitúase cuarto

portonovo250_080210.jpgSANXENXO>  Gran xornada para os equipos do Salnés na Preferente Sur. Gañaron todos agás o Ribadumia que empatou no campo do Tomiño. O máis destacado, as victorias de Portonovo e Sanxenxo que se manteñen no máis alto da táboa.

{flowplayer}images/salnes/futbolportonovo_080210.flv{/flowplayer}

Aprétase e de que xeito a cabeza da clasificación na Preferente Sur. Hai sete equipos metidos nunha marxe de catro puntos, e os tres primeiros suman os mesmos, 42. Un deles, o Portonovo, que é segundo tralo Estradense e que onte venceu con suficiencia ó Nogueira de Ramuín (2-1).

Resultado curto xa que os locais perdoaron en exceso, sobre todo na primeira metade. Con 2-0 á media hora, goles de César de cabeza e Guimeráns de penalti, as cousas semellaban feitas para os de Rial ante o pechacancelas. Pero os branquiazuis baixaron o ritmo, recibiron un tanto mediada a segunda parte e acabaron sfurindo, máis pola incertidume do resultado que polo perigo real que levaba un Nogueira que rematou o partido con oito xogadores, despois de tres expulsións no segundo tempo. Esta é a quinta victoria nos últimos seis partidos para un Portonovo que nas vindeiras semanas terá un calendario a priori asequible para seguir sumando.

Todo o contrario que o Sanxenxo que afronta a parte máis dura da competición ante rivais directos polo ascenso. Pero os de Calucho están imparables e onte solventaron un encontro ante o Porriño (1-0) pese ás importantes baixas coas que acudían ó choque. Cuchi, mermado por unha lesión no seu xeonllo dereito, entrou finalmente no once e realizou un gran partido. Foi dos mellores do Sanxenxo xunto a Fernando Aguín, que controlou á perfección o xogo no mediocampo. O traballo defensivo volveu a ser clave, maniataron ós porriñeses, e o gol de Fontán de penalti ó cuarto de hora foi decisivo para que os puntos quedasen no Revel.

Son cuartos na xeral a tan só un punto do trío de cabeza e a semana que ven visitarán a un Pontellas metido tamén na loita por entrar nos postos de privilexio.

Redacción Salnés