O Viajes Interrías remonta un 2-0 para impoñerse ó Leis

futbolsala250_090210.jpgSALNÉS> Gran xornada para os equipos do Salnés no futbol sala. Gañou o Grupo Junquera ó Cerdedo, aínda que con máis apuros dos esperados, e tamén o fixo o Viajes Interrías no derbi ante o Leis. Os portonoves impuxéronse por 2-4 no Municipal dos Deportes.

Importante triunfo do Viajes Interrías de cara á permanencia na Primeira Nacional A. Fíxoo no derbi ante o Leis (2-4), tomándose cumprida revancha da derrota que lle inflixiran os pontevedreses en Baltar na primeira volta.

De novo foi grazas a unha moi boa segunda parte na que remontaron dous tantos do cadro local. Durante os primeiros vinte minutos ambos conxuntos xogaron con máis medo por encaixar que con gañas de atacar a portería rival. Con todo, Luis adiantou ó Leis, que acadaría o segundo por mediación de Pablo Durán dous minutos despois da reanudación.

Lonxe de virse a baixo o Interrías xogou con descaro e puido empatar en dúas accións case consecutivas de Manolete e Rubén. Con 2-2 e cinco minutos por diante o Leis foise a pola victoria, tomou riscos e a aposta saíulle mal, tanto que os portoneveses os cazarían en dous erros para poñer o 2-4 por mediación de Pibe e Javi Alvéndiz.

Estes tres puntos permítenlle ó Viajes Interrías sumar a súa segunda victoria consecutiva que o afasta momentáneamente dos postos de descenso. Son séptimos na táboa pero non se poden despistar xa que o grupo traseiro da xeral está máis que compacto. A semana que ven terán que recibir o penúltimo clasificado, o Cistierna, boa oportunidade para seguir sumando.

O Leis queda en peor situación, con catro puntos menos e a tres do descenso, á espera de visitar ó Puertas Deyma.

Na Primeira Nacional B o Grupo Junquera sumou un triunfo máis traballado do previsto ante o Cerdedo ó que se impuxo por 5-3. Non foi boa a primeira metade do conxunto vilagarcián que sabedor da súa superioridade relaxouse e deixou que os visitantes fóranse ó descanso cunha vantaxe no electrónico de 1-2.

Pero as cousas cambiaron tralo descanso, os de Rodrigo Feijóo centráronse e atacaron sen pausa a portería rival ata dárllela volta ó maracdor. Pese ós intentos por vover a meterse no partido do Cerdedo o Grupo Junquera soubo reter a victoria. Afiánzanse por tanto na terceira posición e a semana que ven terá que visitar a cancha do Pizarras Los Tres Cuñados, que camiñan xusto por diante deles na segunda posición.

Redacción Salnés