Desmantelada unha rede que puido branquear 50 millóns de euros

    houdini100.jpgSALNÉS> A Axencia Tributaria desmantelou nos últimos días unha rede de branqueo de diñeiro procedentes do narcotráfico

    … e que podería ter branqueado ata 50 millóns de euros de dúas organizacións diferentes.

    A operación denominada Houdini mantense aberta e, de momento, as investigacións saldáronse con seis detencións, o descubrimento de 124 inmobles adquiridos polos investigados, dos que 75 xa foron intervidos, así como embarcacións e vehículos de alta gama, e numerosas contas bancarias.

    Nos dous anos que durou a investigación puxéronse ó descuberto as millonarias cantidades de diñeiro que desde finais dos anos 90 foron conformando un importante patrimonio a nome de Manuel Abal, alias ‘Patoco’, falecido en decembro de 2008, e José Antonio Fernández Blanco, veciño da Illa que xa está en prisión, ademais de diversas persoas físicas e xurídicas interpostas.

    A operación culminou o pasado venres día 5 coa detención dos investigados e presuntos responsables da rede de branqueo de diñeiro. En total, o valor de mercado dos inmobles investigados, situados a maior parte na Comarca do Salnés, supera os 30 millóns de euros. A isto hai que engadir os altos desembolsos realizados en coches de alta gama, embarcacións e demais bens mobles. Calcúlase que o montante total mobilizado podería superar os 50 millóns de euros.

    Redacción Salnés