A ANPA de Olveira inicia as protestas pola xornada única

    concentracionanpaolveira_100_10022010.jpgRIBEIRA> Un grupo de pais do colexio de Olveira concentráronse ás portas do centro para esixir a implantación da xornada única que a Xunta vén de denegarlle.

    {flowplayer}barbanza/concentracionanpaolveira.flv{/flowplayer}

    A pesar de que non eran moitos lograron facer ruído. Ó grito de ‘Queremos xornada intensiva’ atrancaron os seus coches ás portas do colexio de Olveira, impedindo durante algúns minutos a saída dos autobuses que tiñan que continuar co transporte cara outros colexio da zona, como o de Artes, ó que si lle foi concedida a xornada única. Pola contra, os alumnos do centro de Olveira terán que seguir co horario habitual, de dez a unha e de tres e cuarto a cinco e cuarto, posto que a Xunta volveulle a denegar a implantación da xornada intensiva.

    Dende a ANPA non están dispostos a aceptar esta resolución e seguirán a convocar mobilizacións semellantes á desta tarde ata que a administración atenda as súas peticións.

    Horario incompatible

    Xa o ano pasado, os pais dos alumnos solicitaran á Consellería de Educación a xornada única, propoñendo varias alternativas horarias, de nove a dúas ou de nove e media a dúas e media. Daquela, a Xunta só lles autorizaba o horario de dez a tres, dificilmente compatible para a maioría das familias polo que optaron por continuar coa xornada de mañá e tarde. Agora novamente dende a administración rexeitan a petición da ANPA por incompatibilidade co transporte que realiza a mesma liña ca do IES de Porto do Son.

    Xa ameazan que, de non obter unha rápida resposta da Consellería, seguirán coas medidas de presión co obxectivo de conseguir os mesmos dereitos con que contan a maioría dos centros do municipio.

    Redacción Barbanza