Os adxudicatarios das vivendas de Xarás xa saben cal será a súa futura casa

    sorteovivendassociais_010310.jpgRIBEIRA> Os adxudicatarios das vivendas sociais xa están un paso máis preto de mudarse ás súas novas casas despois do sorteo celebrado este luns.

    Expectación, nervios e moita emoción. Ese era o ambiente que se respiraba no conservatorio municipal de Ribeira onde se celebrou o sorteo dos distintos pisos entre os adxudicatarios das vivendas sociais de Xarás.

    {flowplayer}barbanza/sorteovivendassociais.flv{/flowplayer}

    Agora, en función dos metros cadrados e da renda de cada familia será preciso elaborar un estudo económico para establecer a contía a pagar. Unha vez aprobado, os novos inquilinos que accederán ás vivendas en réxime de aluguer dispoñen dun mes para ingresa-la fianza e unha vez realizados tódolos pagos asinaranse os contratos e recibirán as chaves das súas casas.

    Estímase que para aqueles que elixiron a opción de compra venda, soamente tres, o proceso se demore un pouco máis xa que depende tamén das entidades financieiras aínda que dende a Xunta agardan que non se prolongue máis aló do mes de maio.

    Situación precaria

    Será entón cando chegue un dos momentos máis agardados para Emilia, Cristina, Carlos, Juan, Silvestre e así ata completar unha longa lista de nomes, cada un coa súa propia e difícil historia.

    A partir de entón, Susana e a súa familia poderán trasladarse dende a caravana na que viven na actualidade. Tamén a vida cambiará para a familia de Germán nunha casa na que os seus fillos disporán de dormitorio propio e para Inma e os seus catro fillos que poderán por fin acceder á vivenda pola que tanto levan loitado.

     A sorte xa decidiu que portal e planta corresponde a cada un; aínda que uns quedaron máis contentos ca outros co resultado do sorteo todos se consideran afortunados e agardan con impaciencia o día en que poidan comezar unha nova vida na súa casa.

    Redacción Barbanza