BOIRO> O concello de Boiro acolle esta fin de semana a Feira do Comercio. Nesta iniciativa, organizada en colaboración coa Asociación Boirense de Empresarios, participan máis de 30 establecementos comerciais e hostaleiros.
Coincidindo co Black Friday, o concello de Boiro volve poñer en marcha entre o venres e o sábado a Feira do Comercio, na que os establecementos participantes ofrecerán descontos especiais e agasallos.
Ademais das promocións comerciais, o departamento de Cultura deseñou unha ampla programación complementaria composta por espectáculos teatrais, animación de rúa e música e obradoiros infantís. Dará comezo o venres pola tarde co espectáculo itinerante ‘Os trasnos revoltosos’ e ‘O Blues do País’ e continuará durante toda a xornada do sábado.
Tralo éxito das últimas edicións, repetirá tamén a ruleta da sorte. Os clientes disporán dunha tirada por cada 10 euros de compra e obterán agasallos directos.
Esta campaña conta co financiamento dos fondos Next Generation a través dunha subvención para o proxecto de modernización do centro comercial aberto de Boiro.