POBRA> O concello da Pobra volverá apostar polos artistas locais a través da exposición colectiva ‘Olladas na rúa’. Once escultores e vinte e dous pintores participarán na mostra que o vindeiro sábado permanecerá exposta nos xardíns Valle-Inclán.
A quinta edición de ‘Olladas na Rúa’ chegará ata a Pobra o vindeiro cinco de setembro. Durante todo o día, os xardíns Valle-Inclán acollerán a mostra colectiva na que participarán escultores e pintores de toda a comarca.
Destaca esta edición a variedade de técnicas e soportes utilizados polos artistas participantes. O concello volve deste xeito a apostar polos artistas locais con esta exposición colectiva que vén organizando dende hai cinco anos.
A mostra dará comezo ás dez da mañá e permanecerá nos xardíns durante toda a xornada ata a posta do sol.