Arranca o xuízo contra os 19 detidos na redada do Vao

    xuizo_redadavao100.jpgPONTEVEDRA> A Audiencia Provincial reforzou hoxe a seguridade para evitar incidentes no macro xuízo pola redada no poboado xitano do Vao, en Poio.

    A operación policial denominada Volusia permitiu en xuño de 2006 desarticular un importante punto de venda de droga no Vao. Daquela foron detidas 19 persoas, entre as que figuran veciños de Pontecesures e Cambados, como os supostos traficantes que subministraban a droga ós habitantes do asentamento xitano.

    A operación Volusia iniciouse en 2005 na parroquia pontevedresa de Mourente, onde se localizou unha vivenda na que presuntamente se recibía droga que logo se poñía á venda no poboado do Vao. A UDYCO constatou logo que esa droga proviña de Pontecesures, cando era heroína, e de Cambados, no caso de cocaína.

    Nos rexistros que se fixeron nesta redada incautáronse importantes cantidades de droga, uns 100 mil euros en efectivo, xoias e armas. O xuízo durará tres días e nel a Fiscalía de Pontevedra solicitará penas que oscilan entre os catro e os seis anos de prisión para os 19 detidos, e o pago de multas que oscilan entre os 5.000 euros e os 120 mil.

    Redacción Salnés