Puertas amósase sorprendido polas declaracións do goberno local

    puertas100.jpgVILAGARCÍA> O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía maniféstase sorprendido polas declaracións feitas este martes pola alcaldesa …

    … e polo edil de Xestión de Territorio con respecto ó protocolo firmado no seu día polo Porto e Sanidade para darlle un uso sanitario á Comandancia.

    A Javier Puertas sorpréndelle o ton despectivo e fóra do respecto institucional e persoal usado polo goberno local para dubidar da boa disposición do Porto. Non entende tampouco por que dixeron que é ó Concello a quen lle corresponde realizar os trámites que faltan para contar co terreo da Comandancia. Puertas di non saber a que trámites se refiren nin por que non os iniciaron, e tampouco porque non se comunicaron coa Autoridade Portuaria para tratar este asunto.

    Ademais acláralles que se baseou en informes elaborados polos técnicos do porto para indicar a tramitación necesaria para contar cos terreos da Comandancia. Entre outras cuestións, estes informes acreditan que o acto de aprobación do plan especial non se pode confundir coa xestión e ordenación do dominio público portuario, que evidentemente lle corresponde á Autoridade Portuaria, tal como se recolle na Lei de Portos.

    Ó presidente do porto tamén lle sorprende que se tache de falta de respecto institucional a reunión que mantivo coa conselleira de Sanidade. Entende que si é responsable que se xunten dúas institucións que firmaron no seu día un protocolo de colaboración. Puertas reitera o seu ofrecemento á alcaldesa para explicar calquera aspecto sobre este asunto e lembra a súa disposición para apoiar ante o Consello da Administración, se fose necesario, a dispoñibilidade da comandancia para uso sanitario.

    TERREOS EN VILAXOÁN

    Pola súa banda, o portavoz do PP de Vilagarcía propón os terreos situados xunto ó Club de Remo de Vilaxoán para acoller un novo centro de saúde. Para analizar a viabilidade desta opción Tomás Fole solicitou entrevistas con Portos de Galicia e coa Xerencia de Atención Primaria.

    Os populares queren comprobar se os terreos, que son competencia de Portos, se poderían por a disposición da Consellería de Sanidade, e tamén analizar se a construción do novo centro nesta localidade sería viable desde o punto de vista sanitario. O voceiro do PP amosouse decepcionado polos terreos propostos pola alcaldesa, xa que só recolle unha lista de localizacións sen entrar a analizar a súa idoneidade.

    Redacción Salnés