SANXENXO> Sanxenxo e O Grove impulsan un proxecto común para transformarse en ‘Polos turísticos intelixentes’. Esta mañá presentaron un proxecto no que levan traballando anos de xeito conxunto. Busca botar man das novas tecnoloxías para coñecer mellor o perfil dos visitantes e crear novos servizos, como unha aplicación, un sistema de aparcadoiros intelixentes ou un servizo de alugueiro de bicicletas compartido.
O Grove e Sanxenxo camiñan xuntos na súa transformación en destino turístico intelixente. Canda a Mancomunidade do Salnés, buscan coñecer mellor ós potenciais visitantes, recorrendo a distintos elementos tecnolóxicos que aporten información sobre o perfil do turista.
Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que incorpora tódolos avances tecnolóxicos posibles cun único obxectivo: mellora-la oferta turística de Sanxenxo e O Grove.
O cerebro do proxecto é unha ‘plataforma dixital’ que, para o usuario, traducirase nunha ampliación de servizos como o wifi, unha mellora no control de afluencia ás praias e mesmo unha aplicación turística.
Tamén contempla a creación dun servizo de alugueiro de bicicletas e un sistema de aparcadoiros intelixente.
A previsión é que no verán de 2022 parte destes servizos xa estean a disposición dos visitantes. Para os dous alcaldes, trátase dun proxecto clave que precisa dunha estratexia conxunta.
O proxecto, presentado pola Mancomunidade do Salnés foi un dos seleccionados por Red.es, entidade que depende do Ministerio de Economía. Conta cun investimento total de un millón e medio de euros.