SALNÉS> En Fontecarmoa o Grupo Junquera sumou o seu terceiro partido consecutivo sen gañar despois de non pasar do empate co Negreira. Peor lle foron as cousas ó Viajes Interrías que volveu goleado de Sarria.
Por terceira vez nesta temporada o Viajes Interrías caeu ante o Muebles Caloto, un rival que tan só suma un punto máis que os portonoveses na xeral pero que semella terlle tomado a medida. Primeiro foi na Copa Xunta e despois dúas veces na liga, a última esta pasada fin de semana por un contundente 8-1.
Foi un deses partidos ós que xa se acostumaron a facer os de Salgueiro fóra da casa. O equipo tarda en meterse no partido e iso cústalle os puntos. En Sarria, o sábado, ós 18 minutos xa ían 5-0 abaixo, unha diferencia dificilmente remontable ante un conxunto da experiencia dos lucenses, que se limitaron a pecharse atrás e saír á contra.
Na segunda parte foron caendo os goles ata redondear o escandaloso resultado. O tanto dos portonoveses foi obra de Manolete xusto antes de que morrese o partido. A derrota non complica demasiado a permanencia do Viajes Interrías na Primeira Nacional A, se ben os vindeiros encontros antóllanse de vital importancia para acadar a salvación, xa que os disputan ante rivais directos como A Pontenova, Noia, Lobelle B e Torre de Los Reyes.
O Grupo Junquera mantén a terceira praza na Primeira Nacional B pese a ter deixado escapar dous puntos de Fontecarmoa. Terceira xornada consecutiva sen gañar para os de Rodrigo Feijóo que non puideron cun Negreira (2-2) que veu a pola victoria.
Foi un partido moi disputado, igualado en número de ocasións e por momentos, demasiado bronco. A primeira parte rematou sen goles pese a que os locais dispuxeron dun penalti para adiantarse que Sesar estrellou contra o porteiro visitante.
Xa no segundo tempo chegaron os catro tantos: primeiro adiantaríase o Junquera, logo déullela volta o conxunto visitante e finalmente Gelabert puxo o empate a dous no electrónico aproveitando unha situación de inferioridade numérica do rival. A semana que ven os vilagarciáns desprázanse para xogar ante o Fisterra.
Redacción Salnés