O CR Puebla xa conta coa súa nova ‘Carmela’

POBRA> A embarcación, realizada en fibra de carbono, tivo un custe superior ós 36 mil euros, dos que a metade foron aportados pola Deputación da Coruña. O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo, visitou as instalacións do Club de Remo Puebla para ver a nova embarcación que vén de adquirir o club. Trátase dunha traíña realizada en fibra de carbono cun custe superior ós 36 mil euros e cuxa compra foi posible grazas en parte, á aportación do organismo provincial, que outorgou unha subvención do 50% do importe total da embarcación. Segundo o presidente do Club, Andrés Fernández, a nova traíña permitirá mellorar a competitividade dos remeiros, ó darlle unha maior maniobrabilidade e lixeireza para poder competir en igualdade de condicións que outros Clubs que militan na Liga Galega A, a primeira división do remo autonómico. Dende o concello pobrense quixeron agradecer a colaboración do organismo provincial, unha institución, que segundo o propio alcalde, Isaac Maceiras, está moi implicada co deporte. Pola súa banda o presidente da Deputación da Coruña fixo referencia á necesidade de seguir apoiando este tipo de iniciativas que buscan a promoción e o fomento dun deporte tan importante coma o remo, ó tempo que lle desexou ó Club, os maiores éxitos deportivos.