Vilanova homenaxea a seis veciñas no Día da Muller

    mulleres_vilanova100.jpgVILANOVA> Seis mulleres vilanovesas foron homenaxeadas onte á noite polo Concello co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora.

    O alcalde e maila edil da Muller entregáronlle a cada unha un ramo de flores en recoñecemento á súa traxectoria profesional. Para o goberno local estas seis veciñas son o símbolo das mulleres que no rural traballan arreo tódolos días para sacar adiante ás súas familias.

    As homenaxeadas foron Gumersinda Cores Nogueira, Carmen Barreiro Places, Felisa Otero Ribas, Carmen Leiro Ochoa, Manuela Roma Costa e Consuelo Canabal Pombo. Amas de casa, labregas, coidadoras e mesmo empresarias, foron as tarefas que tiveron que compaxinar ó longo da súa vida estas seis mulleres. Unha homenaxe esta que xa é tradición en Vilanova para conmemorar esta efeméride.

    A edil de Muller, Ana María Carballa leu un manifesto en prol do recoñecemento da igualdade entre homes e mulleres no eido do traballo e da necesidade de traballar polo emprego e na busca de novas oportunidades para as novas xeracións de traballadores e traballadoras.

    Redacción Salnés