O Concello recorre a adxudicación dunha vivenda do CEIP Coirón

    vivendas_colexio_coiron100.jpgMEAÑO> O Concello de Meaño vai interpor un recurso de alzada contra a adxudicación dunha vivenda no colexio de Coirón, en Dena.

    O Goberno local lembra que leva anos solicitando á Consellería de Educación a desafectación das vivendas dos mestres polo seu mal estado de conservación e polas reiteradas peticións da comunidade escolar de darlle outro uso a este espazo.

    O Concello advirte que a propia consellería corroborou o mal estado destas edificacións e aprobou a desafectación en primeiro lugar dun bloque de vivendas, que proximamente se vai a demoler. A intención é que logo de derrubadas, se pavimente a zona para ampliar o patio exterior do colexio. Deste xeito aumentarase a superficie para as actividades de recreo e extra escolares dos nenos, eliminando o actual risco por posibles desprendementos.

    Arestora o Concello está á espera de que Educación autorice a desafectación do segundo bloque. Sen embargo, unha mestra solicitou a ocupación dunha destas vivendas e foille adxudicada. O Goberno local advirte que non reúne as condicións mínimas de habitabilidade e salubridade e así o manifestará no recurso de alzada ante a consellería. Solicita a revisión desta adxudicación para que se deixe sen efecto e volve reclamar autorización para que este segundo bloque deixe de ter uso como vivendas para demolelo.

    Redacción Salnés