Valga reúne preto de 600 veciños no seu Encontro da Terceira Idade

VALGA> Case 600 persoas déronse cita no Encontro da Terceira Idade que organiza o Concello de Valga. É xa a vixésimo sexta edición deste xantar de confraternidade no que se desenvolveron tamén diferentes actividades culturais e lúdicas, como un concerto da banda de música, baile e o sorteo de agasallos. Por suposto, a xornada serviu tamén para o reencontro entre a veciñanza.

Esta é a filosofía do Encontro da Terceira Idade que o concello de Valga dedica cada ano aos seus veciños maiores de 65 anos. Nesta vixésimo sexta edición no recinto do colexio Xesús Ferro Couselo reuníronse case 600 persoas, con moitas ganas de vivir unha xornada inesquecible.

Moito humor e moita troula nunha xuntanza que tamén conquistou os padais dos comensais, cun xantar de confraternidade ben completo.

O programa de actos arrancou cun concerto dunha hora da Banda de Música Municipal. A continuación celebrouse o xantar e despois, o sorteo de 200 agasallos doados por casas comerciais, asociacións e outras entidades de Valga e de municipios da contorna e  o fin de festa cun baile. Un xuntanza máis que completa que para o alcalde de Valga é obrigado organizar.

Porque propiciar este tipo de reencontros e crear comunidade son, na base, os obxectivos desta actividade. Un lugar tamén idóneo para recoñercer todo o traballo que levan feito ao longo da súa vida, como salientaba o xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar da Xunta, que tamén asistiu.

Entre as autoridades estivo tamén o ex alcalde de Valga, Daniel Barreiro.