A ampliación da EDAR de Paxariñas, solucionará os problemas de saneamento de Sanxenxo e Poio

SANXENXO/POIO> Por fin parece haber solución para o conflito polo saneamento de Sanxenxo e Poio. A medida que tamén beneficiará ao estado da zona norte da ría de Pontevedra pasa pola ampliación da EDAR de Paxariñas. Será posible grazas a un acordo a tres bandas, entre os concellos e a sociedade estatal Aguas de las Cuencias de España. Farase un investimento de 24 millóns de euros, e o proxecto estará rematado en 2023.

A ampliación da depuradora de Paxariñas porá fin a un conflito que se prolonga dende hai anos: o saneamento de Poio e Sanxenxo e, por extensión, o da zona norte da ría de Pontevedra. O proxecto contará cun investimento de 24 millóns de euros, e permitirá que as verteduras á ría garantan o marisqueo e o baño nas praias da contorna.

A actuación é posible grazas a un acordo a tres bandas entre Acuaes e os concellos de Sanxenxo e Poio. A actuación desenvolverase en dúas fases. A primeira suporá un investimento de 17 millóns de euros ao 50% entre fondos europeos e o órgano estatal. Ademais de ampliar a EDAR de Paxariñas, tamén se mellorará a súa tecnoloxía.

Nesta fase tamén se acometerá o tanque de tormentas e o bombeo de Raxó, ademais do acondicionamento dos oclectores e bombeos da liña de costa de Sanxenxo. A segunda parte da actuación contará cun orzamento de 7 millóns de euros para completar os tanques de tormentas e mellorar os alivios.

Tamén se levarán a cabo obras de mellora no emisario de Montalvo e na rede de saneamento de ambos municipios. O vindeiro 23 de xullo reunirase o Consello de Administración de Acuaes para licitar o estudo de alternativas e a redacción técnica do proxecto, xunto á declaración de impacto ambiental. Cumprindo estes prazos, as obras poderán estar en marcha no 2021, e rematadas a finais de 2023.